Infantil



Primaria












Secundaria





Blog Alberto Bachillerato



Outros


 

Save The Children

 

(21/12/17)
Visita dos Reis Magos e Festa de Fin de Ano

Visita Reis MagosDentro das moitas actividades do Nadal, destacamos a visita dos Reis Magos e a Festa de Fin de Ano.

Así, as súas maxestades, os Reis Magos de Oriente, visitaron o noso centro para recoller as cartas coas peticións dos alumnos de infantil e primaria. Repartiron caramelos e ilusión a tódolos alumnos.

En canto á Festa de Fin de Ano, todos os alumnos do colexio asistiron á festa organizada pola ANPA do centro. Cunha vestimenta formal, garabatas, paxaritas, vestidos longos, e o tradicional cotillón, bailaron e tomaron as “uvas” ao ritmo das badaladas.

Galería imaxes


(21/12/17)

Visita dos bombeiros para recollida de comida e xoguetes

Recollida de alimentos e xoguetesMembros da Asociación Deportivo-Cultural de Bombeiros do Morrazo estiveron o día 21 de decembro no noso centro, para explicar aos alumnos de primaria e infantil a súa profesión.

O obxectivo desta iniciativa foi recadar alimentos e xoguetes para doar a Cáritas. En total recolleron preto de unha tonelada de comida e douscentos xoguetes. Neste enlace do blog de Teri podedes ver máis fotos.

Os membros da Asociación de Bombeiros, Cáritas e a comunidade educativa do colexio agradecen ás familias as doazóns destinadas aos máis necesitados. Moitas Grazas.


(20/12/17)
Festival de Nadal

Festival NadalComo tódolos anos celebramos o Festival de Nadal, en colaboración coa ANPA A Patela, onde tódolos alumnos do centro puideron mostrar ás familias as panxoliñas e representacións que prepararon ao longo deste mes de decembro.

Empezou o festival representación da Anunciación; a cargo dos alumnos de 2º ESO, 1º e 2º Primaria, preparados por Sor María Luisa González Artacho e Inmaculada.
Dende panxoliñas tradicionais ata as máis modernas, zumba, representacións teatrais e ata unha actuación de natación sincronizada, todo amenizado cos chistes da nosa presentadora, Violeta.

Por último queremos agradecer ao Concello de Cangas e á Directiva do Auditorio de Cangas a cesión do auditorio e os medios técnicos para levalo a cabo.
Dende a Comunidade Educativa “Casa de la Virgen” desexamos a todos Bo Nadal.

Galería imaxes


(27/11/17)
Día contra a violencia de xénero

O pasado luns 27 de novembro conmemoramos na praza Das Pontes do Concello o día contra a violencia de xénero.

Os nosos alumnos de 5º de educación primaria participaron na conmemoración cunha mostra de carteis e a lectura dunhas poesías.


Galería imaxes


(15_16/11/17)
A defensa da Vila 1617


O pasado mércores os alumnos de 5º de E.P. e o xoves os de 6º E.P. disfrutamos dunhas rutas chamadas "A defensa da Vila 1617".

Trátase dun percorrido polo casco vello de Cangas coñecendo os lugares emblemáticos relacionados cos ataques turcos desa época.
 
Coñecemos como vivían e como se defenderon dos diferentes ataques, así como a historia de María Soliño.

Galería imaxes


(16/11/17)

Consello municipal da infancia

O xoves 16 de novembro , levouse a cabo a primeira reunión do Consello Municipal da Infancia no salón de plenos do Concello de Cangas, presidida polo Alcalde de Cangas, Xosé Manuel Pazos, o Concelleiro de Ensino, Xoán Chillón e a Inspectora de Educación, Yolanda Cadórniga.
Dito Consello estará integrado por 21 nenos/as de 5º e 6º de Educación Primaria de tódolos centros educativos de Cangas e reuniranse cunha periodicidade trimestral. A representación por centro educativo é de un alumno de 5º e outro de 6º, de forma paritaria en igualdade de sexo. Ao acto asistiron os nosos representantes: Mencía Domínguez Santomé e Sergio Valladares Barreiro, sendo os suplentes Raúl Santomé Pérez e Carlota Sotelo Ruibal, segundo a elección dos alumnos de cada clase.
Os temas a tratar serán as propostas presentadas polas distintas asembleas de clase e representación dos distintos centros e sectores:
- A atención á Infancia a distintos niveis (local e global), referidas á alimentación saudable, hixiene, saúde, ensino, relacións persoais, infraestruturas, obras de mellora...
- Fomento do xogo, exercicio físico e deporte.
- Solidariedade internacional, dereitos do neno a ser e estar felices.
- Aprender para poder participar nas decisións que se toman nos ámbitos escolar e social.
- Aprender a respectar aos demais.
- Sensibilizar  a  responsabilidade  do  mundo  adulto  nas  súas  vidas.  Deberes  da sociedade para que a infancia sexa máis feliz, para estar protexidas fronte ao maltrato, violencia, discriminación e outros riscos.


(14/11/17)
Magosto 2017

O martes 14 de novembro celebramos a tradicional festa do outono, o Magosto.

Dende a mañá os membros da ANPA prepararon e asaron as castañas, para que pais, alumnos e profesores puideran desfrutar deste froito de outono.  
Ao longo da tarde houbo xogos tradicionais, organizados polos alumnos de 2º ESO, en colaboración co departamento de Educación Física.
Os alumnos de 4º ESO, organizaron un chiringuito, onde se vendían cafés, bebidas e chucherías, co fin de recadar fondos para sufragar a excursión de Fin dos Estudos da ensinanza obrigatoria.  

Queremos agradecer a tódolos membros da ANPA polo seu traballo desinteresado na preparación das castañas.

Galería imaxes


(13/11/17)
Saída 3º e 4º E.P. a Vigo para ver a obra Rubicundo

Este luns 13 de novembro, 3º e 4º de E.P. visitamos o auditorio de ABANCA  en Vigo, para asistir a unha obra de teatro "Rubicundo", protagonizada polo grupo de "Teatro dos Ghazafelhos". 

Esta obra foi interpretada  por tres personaxes, que nos contaron unha historia sobre a amizade, a constancia e a poesía. Abríndonos a posibilidade de perseguir os nosos soños sen sentir límites nin distancias.

Podes visualizar de novo a obra mirando o seguinte vídeo.

Por outro lado podedes mirar as fotos sacadas neste día pulsando aquí.



(03/10/2017)
Obradoiro de primeiros auxilios

O pasado 3 de outubro os alumnos de 4º ESO e 1º de Bacharelato asistiron a unha clase teórico-práctica impartida por Felipe Aguete Gómez (Cabo do servizo de rescate e contraincendios provincial de Ourense, Rescatador do G.E.R.A e Técnico especialista en politraumatismos P.H.T.L.S.).

Os alumnos puxeron en práctica as manobras de soporte vital básico (Reanimación Cardiopulmonar) nuns maniquís cedidos polos Bombeiros de Galicia e tamén a manipulación de victimas ante diferentes accidentes (de tráfico, afogamento, atragantamento..etc.)

Galería imaxes


(30/09/2017)
Celebración do 75 aniversario das Fillas da Caridade

Este ano o noso centro celebra o 75 aniversario e a presenza, dende 1942, das Fillas da Caridade nel. O sábado 30 de setembro levamos a cabo o acto central de conmemoración e homenaxe ás Fillas da Caridade, polo seu traballo ao longo destes anos no noso centro. Asistiron o presidente da Fundación Benéfico-Docente Casa de la Virgen, D. Isidoro Ángeles Ventura, membros da Fundación, Fillas da Caridade, profesores, alumnos, membros da directiva da ANPA, antigos traballadores, políticos, empresarios da zona, profesores do colexio “Casa de la Virgen” de Madrid e equipos directivos doutros centros da zona.

O acto consistiu nunha Eucaristía, oficiada polo Bispo Auxiliar D. Jesús Fernández, acompañado polo capelán Don Manuel, e os párrocos D. Benito e D. José Luis. O Bispo destacou as bases do noso centro ao longo destes anos: O Carisma Vicenciano e o Carácter Propio.

No salón de actos levouse a cabo o acto de homenaxe ás Fillas da Caridade, co visionado dun vídeo elaborado por profesores e alumnos do centro. Fíxose entrega dun agasallo ás Fillas da Caridade actualmente no noso centro e unha rosa vermella a todas as Fillas da Caridade que asistiron ao acto, como recoñecemento á súa labor ao longo destes anos.

Xa para rematar o público asistente puido desfrutar dunha exposición de fotos antigas e duns aperitivos.

Galería imaxes


(27/09/2017)
Festa Vicente de Paúl e 75 aniversario do noso colexio

O pasado mércores celebrouse a festa de Vicente de Paúl, xunto coa celebración do 75 aniversario do colexio. A primeira hora da mañá, os curso de 4º, 5º e 6º E.P. celebraron unha Eucaristía na honra de Vicente de Paúl.

Xa desde o principio da semana, ambientáronse os corredores con murais relacionados co este personaxe, sen esquecer o obxectivo deste ano "O servizo". Polas mañás, realizábanse ao chegar oracións dedicadas a él. As semanas previas a festa, explicóuselles a súa vida, pero tamén se lles deu a coñecer a tódolos alumnos/-as a historia do noso colexio. En tódalas clases de primaria, elaboráronse uns debuxos do 75 aniversario para facer unhas grilandas para a festa.

O mércores día da festa de Vicente de Paúl, comezouse a partir da hora do recreo coa celebración conxunta. Os alumnos/as de infantil e de primaria, asistiron no comedor do colexio a unha actuación de monicreques como introdución de todos os actos posteriores. Despois foron ao patio, onde tivo lugar un taller de motivos para primaria e Infantil para decorar un gran biscoito do 75 aniversario.
Os da ESO, por outro lado, participaron nun taller de elaboración de murais conmemorativos desta data.
O acto rematou coa xuntanza de todos os alumnos/-as do colexio, para cantar a canción de Vicente de Paúl "Tras las huellas". Tamén os alumnos/as da ESO cantaron un Rap a Vicente de Paúl dirixido pola profesora Violeta. Ao terminar a celebración, colocouse o biscoito, na entrada do colexio e os murais da ESO nos corredores da súa planta.



Galería imaxes

E por se todo isto vos parece pouco... no apartado de San Vicente de Paúl do blog de 3º de primaria atoparedes aínda máis!!!

 
       
 

subir

[1] [2] [3]


Aviso legal │ Fundación Benéfico-Docente Casa de la Virgen │ Rúa Virgen del Val, 1 Madrid │ 28027 Madrid │ CIF: G286950